venres, 16 de outubro de 2026

A trampa cultural da esquerda

Na última década, mentres o capital financeiro precarizaba as vidas e concentraba a riqueza a niveis récord, a axenda pública encherase duns debates culturais tan intensos como inofensivos para o poder. A chamada “cultura woke”, coa súa obsesión pola hiperfragmentación das identidades e a xestión da linguaxe, conseguiu erguerse como o gran referente da "esquerda" contemporánea. Porén, vista desde a tradición da esquerda revolucionaria, esta tendencia non é máis ca unha profunda trampa de clase e un aliado involuntario do propio capitalismo.

A esquerda revolucionaria entendía a emancipación como un proxecto colectivo fundado na transformación das bases materiais e económicas da sociedade: a propiedade dos medios de produción, a explotación laboral e o reparto da riqueza. En contraste, a deriva “woke” despraza a loita da fábrica á academia, da clase ao símbolo, do colectivo ao individuo. Substitúese a solidariedade entre os de abaixo por unha competición moral onde cada persoa é avaliada polo seu grao de privilexio ou vitimización.

Esta mutación resulta ideal para o sistema. O capitalismo corporativo descubriu axiña que é moito máis barato e rendible cambiar un logotipo cunha bandeira arco da vella ou poñer unha liña de diversidade no departamento de recursos humanos que subir os salarios ou recoñecer a organización sindical. A “cultura woke” ofrece así unha moraliña puritana que lle permite ao poder lavar a súa imaxe sen tocar unha só coma da estrutura económica.

O resultado é a paralización do conflito real. Ao fragmentar á clase traballadora nunha suma infinita de identidades enfrontadas entre si, impídese a construción dun “nós” capaz de enfrontar o capital. A verdadeira tarefa revolucionaria hoxe pasa por superar esta ilusión culturalista e volver ao esencial: a loita material e a organización colectiva.