Rusia e Occidente non son
inimigos. Son socios nun mesmo negocio: a perpetuación do conflito. E como en
todo negocio, hai gañadores e perdedores. Os gañadores son sempre os mesmos: as
elites capitalistas que fabrican armas, controlan a enerxía e manipulan os
medios. Os perdedores, tamén sempre os mesmos: a clase traballadora, que paga
coa súa vida, os seus impostos e o seu futuro.
Occidente non defende a democracia, Defende os seus mercados. A OTAN non é unha alianza defensiva; é o brazo militar do capitalismo occidental, que necesita expandirse para sobrevivir. Rusia non defende a súa seguridade, defende o seu imperio en decadencia e os intereses da súa propia oligarquía. Ambos os bandos usan o nacionalismo como cortina de fume para ocultar a explotación de clase.
Os medios son cómplices necesarios. En Occidente, Rusia é o monstro; en Rusia, Occidente é o monstro. Pero o monstro real é o capitalismo, que necesita crises para reproducirse. A guerra en Ucraína non é un erro, é un negocio rendible: para as petroleiras, para as armamentísticas, para os financeiros que especulan coa incerteza. E mentres o mundo mira o espectáculo, o clima colapsa, os servizos públicos se desmantelan e os traballadores se empobrecen.
A clase traballadora é a gran enganada. Os soldados rusos e ucraínos son irmáns de clase matándose por intereses alleos. Os obreiros europeos pagan a inflación mentres as empresas enerxéticas obteñen beneficios récord. E todo ao ritmo dunha propaganda que os convence de que o seu inimigo está ao outro lado da fronteira, cando en realidade está sentado nun consello de administración.
A solución non é diplomática. É revolucionaria. A clase traballadora debe espertar e ver que o seu inimigo non ten nacionalidade, ten clase. A solidariedade internacional dos explotados é a única forza capaz de romper este círculo. Mentres non o faga, a guerra seguirá sendo o que sempre foi: o gran negocio da burguesía, disfrazado de destino da patria.
A paz non virá de Moscova nin de Washington. Virá das rúas, das folgas e da conciencia de clase. Ou non virá. E entón, seguiremos bailando o vals do medo ata que o planeta se queime ben queimado.