Un decorado no que Galiza está
fóra do itinerario
O Camiño que hoxe se promociona
non é unha herdanza milenaria recuperada, senón un produto deseñado nos anos
oitenta e noventa para supostamente dinamizar o rural. Os sinais amarelos, os
albergues públicos e o Xacobeo como marca turística son inventos recentes
vendidos como tradición. E funciona: en 2024 rexistráronse 498.782 peregrinos,
en 2025 foron 530.987 e no que vai ata outubro de 2026, xa se leva superada
esta cifra.
Pero hai algo máis grave que a
masificación. O Camiño, tal como se vende, tampouco reflicte a realidade
cultural e histórica de Galiza. A ruta francesa, aínda que perdeu peso (47,38%
en 2024 fronte a case o 50% en 2023), segue a ser a máis promocionada; atravesa
once concellos, varios deles con menos de dous mil habitantes. É un corredor
turístico, non un espello do país. Mentres tanto, prolifera un mapa de rutas
inventadas: desde unha "Vía Céltica" ata un "Camiño do
Mar", pasando polo "Camiño Vello", promovidas sen o mínimo
soporte histórico e co obxectivo de captar fondos da Xunta para promoción e
infraestruturas. En 2021, en plena pandemia, o Xacobeo mobilizou decenas de
millóns de euros (70 millóns), e esa choiva de fondos explica en parte a
proliferación de rutas inventadas. O resultado é que mentres se financian
itinerarios sen base documental, os camiños con verdadeira raizame sofren
ameazas reais. O organismo asesor da UNESCO, ICOMOS, pediu formalmente anular
os permisos da mina de Touro porque o Camiño Francés podería perder o
recoñecemento como Patrimonio da Humanidade. E os parques eólicos proxectados
na contorna do Camiño Inglés, con aeroxeradores de case 200 metros, serían
visibles dende a ruta.
E aínda hai máis. A propia Igrexa
bloquea iniciativas locais como a de Lugo Monumental* que editaba unha
credencial de 1 euro, avalada polo bispado de Lugo. Sen embargo, en 2025, a
Oficina do Peregrino esixiu a oficial de 1,50 euros. A Catedral, garante da
tradición, impón o seu monopolio. O peregrino, moeda de cambio.
E no fondo, o sartego. A ciencia
só confirma un mausoleo romano baixo o altar maior; a identificación dos ósos
como os de Santiago baséase na tradición e na bula papal Deus Omnipotens
de 1884, non nunha proba forense.
Dunha vez por todas, hai que dicir
que o Camiño non é Galiza. É un produto que usa o país como decorado, mentres a
nosa cultura real queda fóra do itinerario. Se o Camiño que nos venderon é un
decorado, non o substitúamos por outro: criticar o negocio si, pero inventar un
paraíso perdido tamén é vender fume.
*Lugo Monumental é unha
asociación de empresarios do casco histórico de Lugo.