venres, 6 de marzo de 2026

Seguridade como pretexto, impunidade como sistema

Seguimos asistindo á normalización das agresións no que vai de século XXI e así, despois do xenocidio que se esta a perpetrar en Gaza, entendemos que a recente ofensiva de Estados Unidos e Israel contra Irán non pode ser lida como un simple episodio de tensión rexional. É, ante todo, unha exhibición de poder exercido sen medo ás consecuencias. Presentada como “defensa preventiva”, a operación militar constitúe, na práctica, un acto de forza contra a soberanía dun Estado sen autorización multilateral nin ataque previo que a xustifique de maneira inequívoca.

A cuestión máis preocupante non é só o bombardeo en si, senón o marco que o fai posible: a convicción de que certas potencias poden actuar por enriba das normas que din defender. A Carta das Nacións Unidas establece límites claros ao uso da forza, mais eses límites parecen flexibles cando quen os cruza ocupa unha posición hexemónica. O dereito internacional, que debería funcionar como garante da igualdade soberana, amósase feble fronte á realidade das alianzas e dos vetos.

A impunidade non significa ausencia de crítica retórica; significa ausencia de consecuencias reais. Non hai sancións efectivas, nin procesos xudiciais, nin mecanismos que obriguen aos agresores a responder polos danos causados. Mentres tanto, a linguaxe da seguridade serve de escudo moral: invócase a ameaza futura para lexitimar a violencia presente.

Este patrón erosiona o propio sistema internacional. Se a forza preventiva se converte en norma aceptada para uns, o principio de non intervención deixa de ser universal e pasa a ser selectivo. O resultado é un mundo máis inestable, onde o poder militar pesa máis ca o dereito.

A agresión contra Irán non é só un conflito puntual; é un síntoma dunha orde internacional que tolera que os máis fortes definan as regras mentres os demais deben acatalas. E esa asimetría, máis que calquera bomba, é o verdadeiro perigo para a paz global.