venres, 29 de maio de 2026

Entre o sal e a terra

A Galiza da costa e a do interior non son mundos separados polo azar, nin un fenómeno espontáneo ou cultural, senón o resultado histórico da expansión desigual do capital nun territorio periférico do Estado español. No pasado, a acumulación primitiva concentrouse na costa: alí estaban os estaleiros, a salgadura, o comercio colonial e, máis tarde, a industria conserveira e pesqueira. O interior quedou funcionalmente subordinado como reserva de forza de traballo, provedor de madeira e gando, e sumido nunha economía de subsistencia controlada polo poder caciquil. A ideoloxía dominante presentou este desequilibrio como un destino xeográfico: a costa "progresista", o interior "conservador". Na realidade, era a lóxica do capital separando e xerarquizando o territorio para maximizar a extracción de plusvalía.

Hoxe, o capitalismo globalizado non eliminou esa fenda, senón que a refinou. A costa converteuse en espazo de especulación turística, residencial e loxística. O interior, en parque temático rural, “autenticidade” comercializada para o turista urbano. Ecoloxismo de mercado e etnoturismo: aldeas rehabilitadas e viño con denominación de orixe. Substituíron os vellos discursos do atraso, mais por baixo do discurso ecoloxista a lóxica é a mesma: extracción de valor. E así, continúa a explotación: traballo estacional e barato na costa, precariedade e despoboamento no interior.

A diferenza xa non é entre atraso e progreso, senón entre dúas formas de ser explotados: unha intensiva e outra extensiva. Superala non require reivindicar unha sobre a outra, senón entender que as dúas son caras da mesma realidade. A verdadeira superación virá de sermos capaces de construír unha lóxica territorial postcapitalista que negue a propia división.